Revista Nós

Nós foi unha revista publicada en galego entre 1920 e 1936 con contidos literarios, lingüísticos, artísticos, etnográficos, filosóficos e de pensamento político.

Primeiros pasos

Nós foi impulsada e dirixida por Vicente Risco, quen procurou insistentemente colaboracións de fóra de Galiza co obxecto de lle dar unha dimensión europea. O primeiro número apareceu o 30 de outubro de 1920 en Ourense e aquí se publicarían os primeiros 15, antes de pasar a ter a administración na Coruña e Santiago, na sede da editorial Nós. O enderezo mantívose sempre no domicilio de Vicente Risco.

A revista, ligada ao pensamento nacionalista, pretendía normalizar o uso do idioma e elevalo dos usos orais á alta cultura. Mesmo a publicidade era maioritariamente en galego. Pretendeuse tamén que o seu deseño gráfico axudase a conseguir esa dignificación e a crear unha estética xenuinamente galega, para o que Risco designou a Castelao como responsábel artístico.

Contidos

Dous eran os ámbitos que trataba: por unha banda o descubrimento da identidade galega, introducindo liñas de investigación novas e contribuíndo á modernización metodolóxica, que afectou fundamentalmente á arqueoloxía, á etnografía, á historia e o pensamento; por outra a presentación das ideas novas que aparecían en Europa. Para tal fin, exploráronse as culturas europeas que se consideraban máis próximas da galega, nomeadamente a irlandesa (Irlanda estaba constituíndose en estado independente naquela altura) e a portuguesa (en Portugal florecía a lingua galega).

Con todo, houbo unha enorme presenza doutras culturas, sobre todo centroeuropeas en consonancia cos gustos de Risco e cos epicentros culturais predominantes daquela. Na gráfica pode verse un mapa onde se representan as frecuencias nos artigos de temáticas relacionadas con cada rexión europea (daquela época). As zonas con máis presenza son Galicia e Portugal seguidas de Hispanoamérica (representada cun "H"), Francia e Alemaña. Logo si xa veñen culturas de rexións cunha situación sociopolítica máis semellante á galega: Bretaña, Cataluña, Valencia e Inglaterra.

Entre as novidades que a revista Nós achegou á cultura galega están as tradución s de autores contemporáneos, como a tradución de anacos do Ulysses de James Joyce que fixo Otero Pedrayo.

Historia

En xuño de 1920 celebrouse unha xuntanza en Pontevedra á que acudiron Vicente Risco, Castelao, Ramón Cabanillas e Antón Losada Diéguez para discutir a creación dunha revista monolingüe sobre a cultura galega, que deciden chamar Nós a proposta de Castelao, decidiron tamén o lugar de impresión, a imprenta de La Región en Ourense e o director literario, Risco, e artístico, Castelao. Posteriormente encargáronlle a Arturo Noguerol o financiamento, para o que constituíu unha sociedade mercantil.

En 1923 pasou a se imprimir en Pontevedra ata que despois do número 18 a Ditadura de Primo de Rivera suspendeu a publicación.

O 25 de xuño de 1925 aparece de novo por iniciativa de Ánxel Casal na Coruña e coa colaboración de membros do Seminario de Estudos Galegos, ademais de colaboradores da primeira época. A partir do número 88 imprentouse en Santiago. O último número (139-144) saíu do prelo pouco antes da sublevación militar de 1936 e non se chegou a distribuír, tan só dous exemplares sobreviviron á queima da imprenta de Ánxel Casal polos sublevados.

**********
Descargas

Ano 1920:
- Número I.
- Número II.
- Número III.

Ano 1921:
- Número IV.
- Número V.
- Número VI.
- Número VII.
- Número VIII.

Ano 1922:
- Número IX.
- Número X.
- Número XI.
- Número XII.
- Número XIII.
- Número XIV.

Ano 1923:
- Número XV.
- Número XVI.
- Número XVII.
- Número XVIII.

Ano 1925:
- Número XIX.