A Nosa Terra

A Nosa Terra foi o voceiro das Irmandades da Fala (1916-1932) e do Partido Galeguista (1932-1936). Editouse integramente en galego e foi fundamental para o espallamento do ideal galeguista, así como para o achegamento a outras nacións. Publicáronse en total 422 números.

A Nosa Terra tivo unha periodicidade moi variábel. Comezou publicándose decenalmente para pasar a saír quincenalmente até a Ditadura de Primo de Rivera, na que saíu mensualmente. En xuño de 1933 regresou á periodicidade decenal.

O primeiro número saíu o 14 de decembro de 1916 na Coruña e contaba con oito páxinas. Na súa etapa coruñesa, a redacción e administración desta publicación estaba no despacho que tiña no Cantón Grande o avogado e escritor Xosé Iglesias Roura, que foi o seu primeiro director. Antón Villar Ponte foi o seguinte director até a IV Asemblea das Irmandades da Fala (1922). A partir de entón Víctor Casas será quen leve o peso real da dirección, aínda que nominalmente foron directores Alexandre Bóveda, Aquilino Iglesia Alvariño en 1933 ou Ramón Suárez Picallo en 1934. O 1 de febreiro de 1932, pouco despois do nacemento do Partido Galeguista, convérteuse no seu voceiro oficial e a redacción trasladouse a Pontevedra. En xuño de 1933 deixouse de publicar durante algún tempo por dificultades financeiras.

En 1917 contaba con 2.000 subscritores, en 1931 con 500 e en 1935 con 1.000, aínda que se descoñece a tiraxe exacta. Os recursos económicos da publicación proviñan das subscricións, da publicidade, das doazóns dos galegos de América e das Irmandades da Fala primeiro e o Partido Galeguista despois.

O 17 de xullo de 1936 saíu o derradeiro número de ANT.

N'A Nosa Terra colaboraron case todos os intelectuais galeguistas do primeiro terzo do século XX: Manuel Lugrís Freire, Roberto Blanco Torres, Ramón Cabanillas, Luís Amado Carballo, Ricardo Carballo Calero, Leandro Carré Alvarellos, Castelao, Evaristo Correa Calderón, Xosé Filgueira Valverde, Gonzalo López Abente, Antón Losada Diéguez, Manuel Antonio, Xaime Quintanilla, Luís Peña Novo, Luís Porteiro Garea, Aurelio Ribalta, Vicente Risco, Xoán Vicente Viqueira, Ramón Suárez Picallo, Xohán Antón Suárez Picallo.

*******************

Descargas.-


1916
- Número I.
- Número II.